Información

O século XIX

En 1809..

Vigo foi ocupado polo exército francés. A resistencia popular dirixida polo militar Morillo e por Cachamuíña provoca un levantamento que termina coa expulsión dos militares galos. Este episodio motivou a concesión a Vigo do título de cidade “Fiel, Leal e Valorosa”. En 1833 acondiciónase o camiño real que leva a Madrid, coñecido como estrada de Castela ou de Villacastín. Un ano despois finalizan as obras de construción da Colexiata por Melchor de Prado, xa que o antigo templo fora destruído nun dos numerosos saqueos producidos na vila.

A mediados de século..

Créanse a sucursal do Banco de España e o novo peirao de pedra. A cidade medra e os seus rexedores acordan derrubar as murallas para facilitar a súa expansión.

A segunda metade do século XIX..

Foi un período de continuo crecemento da cidade propiciado, entre outras cousas, polo incremento das relacións con América. Dende 1855 establécense servizos de comunicación marítimos periódicos coa Habana, Bos Aires e Puerto Rico. Unha década despois comeza a construción do ferrocarril, inaugurándose a liña Ourense-Vigo en 1881, e as obras de recheo da ría para ampliar as instalacións portuarias.

Neste tempo continúan abríndose na cidade fábricas de salgadura e de derivados de produtos mariños. Isto provoca un aumento da poboación asalariada e tamén dunha burguesía financeira. Vigo expándese extramuros coa apertura de novas rúas e a construción de nobres edificios de pedra. En 1880 fúndase a “Caixa de Aforros de Vigo” e, un ano despois, constitúese a Xunta de Obras do Porto.

En 1899..

O porto de Vigo recibía os soldados malferidos procedentes da Guerra de Cuba, acolléndoos e prestándolles a axuda necesaria. Este feito outorgoulle o rango de “sempre benéfica”, polo que dende entón, o escudo da cidade garda o lema de “Leal e Valorosa cidade de Vigo e Sempre Benéfica”.

O incremento das relacións con América, a instalación de novas industrias e a mellora das comunicacións foron unha constante ao longo dos séculos XIX e XX.

A finais da centuria, a cidade contaba xa con 15.000 habitantes.

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100